Quen somos

Quen somos

A Tríptica é unha compañía multidisciplinar formada por tres novas creadoras: Gema, Noa e Diana.

Fundamos a compañía co desexo de crear o teatro que queremos ver: comprometido, visualmente innovador e cunha linguaxe propia.

Con esta visión, en A Tríptica buscamos xerar unha conexión profunda co público, abordando cuestións sociais e persoais dende unha escena arriscada, poética e contemporánea. O noso enfoque experimental aposta por obras que invitan á reflexión e á acción colectiva.

Facemos teatro como quen traballa a terra: con entrega, coas mans, coa memoria.

A nosa identidade inspírase na forza das flores que nos representan:

o caravel, pola paixón e a loita;

o fiuncho, pola raíz fonda e a sabedoría popular;

a sempreviva, pola resistencia e a memoria.

Flor a flor, raíz a raíz, facemos do teatro territorio.

Diana Longa

Nada en Vigo.

Creadora escénica. Gradúase no ano 2023 en Dirección escénica e Dramaturxia por la ESAD de Galicia. Amplia as súas fronteiras formándose en guion audiovisual na escola Treintaycinco mm e producción de audiovisuais e espectáculos na Escola de Imaxe e Son de A Coruña. 

Dende o 2021 colabora coa Revista Galega de Teatro (erregueté) e a partir do 2023 forma parte do seu consello de redacción. No ano 2024, entra a formar parte da compañía de artes vivas Constance Hurlé, onde leva a cabo labores de asistencia de producción e dirección. Con esta compañía, no 2025, debuta como directora e dramaturga con Miña Pequena no museo MARCO de VigoNese mesmo ano a Asociación Sindical Galega de Guionistas escolle o seu proxecto Sinfonía do extrarradio na VI Edición de titorías AGAG para mulleres guionistas.

Desde 2024 inicia o proxecto A Tríptica, no que se atreve a explorar a súa faceta máis experimental na escena, comezando xa coa súa primeira produción O que xermola no lume.

Gema González

Nada en Mos.

Actriz, música e creadora escénica graduada en Interpretación Xestual pola ESAD de Galicia, conta cun mestrado en Interpretación diante da cámara por Actores Madrid. Continuou a súa formación con mestres como Carlo Bosso, Minako Seki, Melania Cruz ou Tito Asorey.

En 2021 crea a súa primeira obra Irremediablemente Soa. Declaración de amor á frustración, coa que gañou o III Premio Xuventude Crea’21. En 2024 estrea Romeo e Xulieta. O espectáculo definitivo coa súa compañía Mutismoa Teatro e comeza o proxecto A Tríptica.

Complementa a súa carreira teatral co audiovisual, destacando o filme Ortega, dirixido por Álvaro Pita e a serie Ágata y Lola, producido por Atresmedia e Portocabo

Actualmente está inmersa na nova produción de Mutismoa Teatro, APEGO, e na produción e creación de O que xermola no lume de A Tríptica.

Noa Iriarte

Nada en Vigo

Fórmase na ESAD de Galicia na especialidade de Escenografía, mentres completa a súa formación con diversos obradoiros: Novas tecnoloxías e novas formas de iluminación e son en técnicas teatrais (impartido por Juan José Amando Rolán), Mapeo de vídeo (impartido por Laura Iturralde) e Clown poético (impartido por Mireia Miracle).

Desde 2017 traballa e colabora con diversas compañías, destacando especialmente Menu-do-día da compañía CBV, en coprodución coa MITC, o deseño da Gala Martín Códax 2023 e a xefatura técnica no Festival Galicreques de 2024 e 2025.

Ademais do seu traballo no teatro, tamén deseña a iluminación para videoclips e concertos, sendo a responsable dos visuais de RAZE. Actualmente traballa coa compañía Vicus Teatro, sendo a responsable do apartado visual e plástico e no novo proxecto A Tríptica, sendo a encargada da iluminación e da escenografía de O que xermola no lume.